Saturday 18 de May de 2024

O Concello de Lousame celebrou as tres sesións plenarias ordinarias que lle correspondían no que vai de lexislatura


Teresa Villaverde asegura os grupos da oposición teñen acceso a toda a información que solicitan e que “o que lle molesta ao señor Paradela é que teñamos unha débeda de tan só 120.000 euros, o que demostra que o estamos facendo ben e que seguimos traballando por mellorar”

O Concello de Lousame celebrou as tres sesións plenarias ordinarias que lle correspondían no que vai de lexislatura (as correspondentes aos meses de setembro, novembro e xaneiro), así como outras seis sesións extraordinarias, incluidas as de constitución e organización (13 de xuño, 13 de xullo, 2 de outubro, 30 de outubro, 23 de novembro e 17 de decembro). Precisamente nesa sesión de organización do 13 de xullo acordouse que os plenos ordinarios terían lugar os terceiros venres de cada dous meses, a contar dende o mes de setembro.

Ante as críticas realizadas polo grupo municipal socialistas, que denuncia que só houbo un pleno ordinario polo que só puideron presentar unha moción no que vai de lexislatura, a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, asegura que “aí están as actas para demostrar que o que din non é certo”. De feito, legalmente o Concello de Lousame podería ter escollido celebrar as sesións cada tres meses, pois é o mínimo marcado pola lei, pero o grupo de Goberno propuxo dende o primeiro momento que as sesións fosen cada dous meses.

A alcaldesa de Lousame lembra que ata o de agora houbo 3 sesións plenarias ordinarias: o 18 de setembro, o 26 de novembro e o 22 de xaneiro, nas que os grupos municipais puideron presentar as mocións que desexaron. De feito, no que vai de lexislatura o grupo municipal do PP presentou 4 mocións, o BNG outras 3 e o PSOE dúas: unha sobre Siria (aprobada por unanimidade) e outra sobre a revisión da lexislación de espectáculos. “Unha moción que o PSOE quería retirar porque pasara o oportunismo político co que fora creada pero que fixemos nosa e a sacamos adiante co apoio do BNG, a pesar de que o PSOE rematou votando en contra a súa propia moción”, explicou Villaverde Pais.

Trasparencia informativa

A alcaldesa de Lousame nega categóriamente as acusacións de opacidade e as dúbidas que o voceiro do PSOE lanza sobre as contas do Concello. “Ao mellor o que lle molesta ao señor Paradela é que temos unha débeda mínima, de tan só 120.000 euros, que o estamos facendo ben e que traballamos para facelo aínda mellor”, apunta Teresa Villaverde, quen reitera que “a información está ao seu dispor e respondemos a todas as preguntas, incluso respondemos ao 90% das preguntas no mesmo pleno”.

Neste sentido, a alcaldesa de Lousame indica que “incluso respondemos no pleno unha por unha ás dúbidas do señor Paradela sobre os decretos e facturas, cando legalmente se trata dunha simple dación de contas e somos o único Concello da contorna que o admitimos como preguntas en pleno”, pois noutros municipios son cuestións que os grupos municipais resolven ben co interventor, ben co secretario municipal.

Villaverde Pais afirma que “en Lousame non hai opacidade ningunha pois preferimos optar por unha política de colaboración, non de enfrontamento, e estamos abertos ás suxerencias construtivas”. Neste sentido, compre lembrar que os grupos da oposición foron convidados, por exemplo, a presentar ideas para o Plan de Obras e Servizos da Deputación.

Sobre as acusacións de celebrar plenos sen asuntos de calado, a alcaldesa de Lousame lamenta que o voceiro socialista non considere importantes acordos a prol do sector marisqueiro como o que se aprobou na sesión de xaneiro. “Nós estamos e estaremos sempre a carón dun sector vital para a Ría de Muros-Noia, como dixemos no pleno, pero tamén pensamos que é preciso facer unha lexislación sobre a cuestión, escoitando sempre as necesidades do sector”, explica Villaverde Pais.

Orzamentos

Por último, a alcaldesa de Lousame anuncia que nos próximos días convocará a comisión de seguimento e control para presentar os orzamentos municipais para 2016. “Aínda que o noso desexo era poder aprobalos en decembro, a baixa da titular de Intervención unida ao atraso na saída das distintas subvencións doutras administracións fixeron que non puideramos telos listos ata o de agora”.